VÍDEO DE PRESENTACIÓN
Un ecosistema de aprendizaxe pioneiro para democratizar o acceso dos estudantes sénior ao coñecemento
Comprende unha canle de Tv, unha biblioteca dixital nacional e unha revista electrónica e impresa
Del Río | Vigo
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, en 1991 había en Galicia arredor de 10.900 persoas con máis de 90 anos. 23 anos despois, en 2014, eran xa 37.000 e agárdase que en 2029 sexan 70.000. Isto pode supor un problema demográfico e “o que tentamos é propoñer solucións para que estas persoas ocupan o seu tempo”, explicaba Alejandro Otero, presidente da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors, FEGAUS, este mércores na presentación do proxecto Ágora, unha iniciativa impulsada polo Programa de Maiores da Universidade de Vigo e na que participan os sete campus galegos. Segundo os seus promotores, “Ágora propón un novo modelo de acceso ao coñecemento, baseado na innovación e na aplicación das novas tecnoloxías, co obxectivo de potenciar a creación dun ecosistema da aprendizaxe que se erixa no referente nacional”. O proxecto ten tres piares fundamentais centrados nunha plataforma en liña de difusión e formación: o Canal Sénior, a Biblioteca Nacional CAUMAS e a Revista Séniors Universitarios. Estes servizos serán a porta de acceso a un mundo de coñecementos para proveito de calquera cidadán onde se combinan modalidades tradicionais presenciais e en papel, con outras innovadoras dixitais.
E é que no coñecemento e na formación ao longo da vida é no que se basea a resposta dos universitarios maiores ao problema demográfico derivado do aumento da esperanza de vida. Como destacaba Felipe Martín, presidente de CAUMAS, confederación que agrupa ás asociacións dos Programas Universitarios de Persoas Maiores, “despois de xubilarnos, quédanos por diante como mínimo o 25% da nosa vida e se non queremos ser os novos analfabetos temos que formarnos, sobre todo en novas tecnoloxías”. Neste caso, as TIC son a ferramenta para achegar a formación universitaria e o coñecemento a aquelas persoas que por cuestións xeográficas non poden asistir presencialmente ás clases nas aulas universitarias. De feito, o acto foi transmitido por internet a todas as universidades de España con programas sénior, un total de 57 con arredor de 45.000 estudantes maiores matriculados. Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, felicitou aos impulsores de Ágora e lembrou que as etapas da vida hoxe teñen límites moi difusos e o primordial “é ter unha vida activa” e que as posibilidade de formación e de crecemento persoal “non estean supeditas a un aquí e un agora” e para iso é imprescindible o emprego das novas tecnoloxías. Tamén Coro Piñeiro, secretaria xeral de Política Social os animou a seguir formándose e destacou a importante presenza de mulleres neste programas “porque o non ter estudado na xuventude non só se debía a falta de recursos”, senón tamén a impedimentos por cuestión de xénero.
Alonso Montero: “Non envellecemos, maduramos”
O acto de presentación contou coa intervención de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, que achegou a súa experiencia como docente, como estudante tardío e “como maior que son”. O académico, presentado por Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social, recoñeceu que comezou o bacharelato con varios anos de retraso e “grazas” a que lle diagnosticaron erroneamente unha enfermidade. “Nese momento a miña familia considerou que non podía realizar labores no campo e volvín estudar, pero nunca imaxinei ir ao instituto e moito menos á Universidade, porque como para outros moitos, as cuestións económicas afastábannos dos estudos, a pesar de ter dentro o verme da inquedanza intelectual”. Dirixiuse a todos aqueles que non puideron estudar e animounos a facelo agora que as obrigas laborais desaparecen porque “a hora do saber non ten límites nin data de caducidade xa que non envellecemos, maduramos”.
Con todo, Alonso Montero pechou a súa intervención desexando que non futuro non existan as universidades para maiores, porque iso significaría que ninguén tería a necesidade de estudar de maior o que non puido estudar de mozo por condicionantes económico. Aínda así, o presidente da RAG anuncio a súa intención de matricularse no vindeiro curso, “sempre quixen ampliar os meus coñecementos en Filoloxía Clásica, e así o farei entre todos vós”.
Formación a golpe de rato
Segundo indican as enquisas, un dos principais intereses dos séniors é poder seguir aprendendo, o que non sempre é sinxelo, xa que está supeditado a un conxunto de factores como a localización, a xeografía, a dispoñibilidade de bibliotecas, centros de estudos, recursos económicos, etc. Tendo en conta que a mellora do coñecemento inflúe notablemente sobre a satisfacción persoal e a autoestima, queda claro que o coñecemento afecta directamente na mellora da calidade de vida e nun envellecemento activo. Segundo Alejandro Otero, “Ágora ten a misión estratéxica de intentar democratizar o acceso ao coñecemento da cidadanía sen o hándicap de onde se viva, os recursos económicos ou os servizos públicos dispoñibles. A través dun equipo informático conectado a internet, teremos un mundo de coñecementos a un clic de distancia”. Para iso intégrase nesta plataforma unha plataforma en liña de difusión e formación (Canal Sénior), unha canle en liña de televisión (TV Sénior), un programa de formación en tecnoloxía (Voluntarios Sénior 2.0), a Biblioteca Nacional CAUMAS, que supón “un mundo de coñecementos” para os alumnos do programa de Maiores das universidades españolas e unha revista que “é a voz dos alumnos e profesores dos programas de formación de maiores (Revista Séniors Universitarios).
Ágora conta co apoio de entidades e empresas como a Universidade de Vigo, AMTEGA-Xunta de Galicia, Afundación ou o Consello Social e cuxa participación pasa por impulsar e patrocinar esta iniciativa para conseguir que chegue a toda a poboación sénior.
Obxectivo: 75.000 participantes
O Canal Sénior ten como obxectivo chegar a 75.000 participantes nas actividades que se levarán a cabo e que cubrirán oito áreas de coñecemento que axuden a obter un envellecemento activo: ocio, saúde, deportes, alimentación, tecnoloxía, moda e beleza, economía e fogar. O proxecto arranca xa con 150 contidos dispoñibles aloxados na videoteca e divididos segundo estas áreas temáticas. Levaranse a cabo catro tipos de modalidades de actividades: Actividades en directo a través de internet (Webinars en estudo); actividades en directo a través de internet (Webinars en directo dende un aula); retransmisións en directo de eventos e finalmente vídeo-cursos. As actividades estarán acompañadas por manuais, exercicios, titorías, blogs, entrevistas e enquisas. A Biblioteca Nacional CAUMAS tamén nace con máis de 150 traballos colgados realizados por estudantes sénior de toda España. A base seguirá crecendo para que o coñecemento xerado non se perda, os seus autores teñan recoñecemento e ademais contribúan á formación do resto da sociedade. A revista, pola súa banda, terá unha versión dixital e tamén unha papel cada tres meses, cuxo primeiro número lle foi entregado este mércores aos asistentes ao acto de presentación de Ágora.